[escepticos] Darwin no Castelo (celebración del Día de Darwin)

jmbello jmbello en mundo-r.com
Vie Feb 1 00:11:08 WET 2008


(Tranquis, que después lo traduzco) ;-)

Darwin no Castelo

Tertulia aberta no Castelo de San Antón, o venres
oito de febreiro, ás sete e media do serán.


No partido da historia, o Castelo de San Antón sempre xogou na
defensa. Na súa cativa illa, no medio do mar pequeno da badía da
Coruña, dende o seu nacemento tivo a misión de defender a cidade dos
ataques por mar.

En solitario, o castelo de pouco vale. Boa proba foi o asalto de
Drake, quen evitou os disparos dos canóns bordeando a ría pola outra
banda, fora do alcance da artillería, ata chegar salvo ó areal de Oza.

Pero máis tarde, cando se edificou o castelo de Santa Cruz e
ambolosdous cruzaron os seus tiros combinados, a badía fíxose
inexpugnable.

Hoxe, malia a que os vellos canóns de San Antón só disparen
pensamentos e lembranzas doutros tempos, o castelo, convertido en
museo, sigue na guerra. Nunha guerra de pensamento, de lembranzas e,
neste caso, doutros tempos.

Porque propias doutros tempos son as sinrazóns do organizado ataque
dos rancios fundamentalismos á teoría da evolución, ó arbre crecido da
semente que plantou Darwin hai cáseque douscentos anos. Tan vella é
esta guerra.

E nela estamos, como sempre estivo o castelo, non á defensiva, pero sí
na defensa. Hoxe toca defender a Darwin nesta guerra de tempos
caducos, e defendémolo cruzando tiros con outros colegas, disparando
entre todos, desde os vellos canóns, lembranzas, pensamentos e razóns.

Será o venres día 8, ás sete e media do serán. No Castelo de San
Antón, atendendo á chamada do Darwin Day. Adiantamos un chisco a
celebración: pensamos que o venres 8 é millor momento para case todos
que o martes 12 de febreiro, data na que se cumpren 199 anos do
nacemento de Darwin e 149 da publicación de A Orixe das Especies.

Celebrámolo cunha tertulia aberta, sen grandes formalismos, na que
todos, os invitados específicos e os invitados xenéricos, que son
todos vostedes, falemos abertamente, na confianza e na amizade, de
Darwin, das dificultades da entrada das súas ideas en Galicia, do
desenvolvemento do coñecemento sobre a evolución dende entón ata a
actual teoría sintética.

Tamén das pegadas dos antigos seres vivos, pequenos coma as diatomeas
ou grandes coma os osos das cavernas, que houbo hai milleiros ou
millóns de anos en Galicia; e da aparición dos homínidos, e das
transformacións destes ata chegar a nós mesmos.

Falaremos da importancia que todo iso tivo e ten para a comprensión
lúcida da humanidade no universo; pero tamén dos que se opoñen a eses
coñecementos dende a irracionalidade; do Intelixente Engano que nos
venden como Deseño Intelixente; do movemento de fundamentalistas
organizados que responde ó nome de creacionismo. E da necesidade
urxente de difundir a teoría da evolución entre a poboación.

Nesa tertulia aberta, á que invitamos ó lector, contaremos coa
presencia de expertos relevantes nas materias sobre as que imos falar.
Salvo imprevistos, estarán connosco, por orde alfabética de apelidos:

- Roberto Bao, Profesor Titular de Paleobioloxía da Universidade da
Coruña

- Ernesto Carmena, biólogo, autor de "El creacionismo ¡vaya timo!",
publicado por Ed. Laetoli

- Xosé A. Fraga, doctor en Bioloxía e historiador da ciencia,
especialista na recepción do darwinismo en Galicia no século XIX

- Aurora Grandal, Profesora Titular de Historia da Terra e
Paleontoloxía da Universidade da Coruña e Secretaria do Instituto
Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal

- Equipo de "Do the evolution", programa universitario de radio
pioneiro na divulgación da evolución e a bioloxía en xeral

E vostedes, claro, que son os importantes e os que darán sentido a
este acto de defensa e, sobre todo, de afirmación.

No Castelo de San Antón, o venres oito de febreiro, ás sete e media do
serán. Vémonos alí.

------------

Saludos
JM




Más información sobre la lista de distribución Escepticos